O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio coa resolución da orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Así, un total de 150 solicitudes foron aprobadas cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, o que suporá a plantación de arredor de 2.500 hectáreas de coníferas e frondosas no territorio galego.
Precisamente, destas 150 solicitudes aprobadas, o 88% corresponden a comunidades de montes veciñais en man común, cunha concesión conxunta de 4,2 millóns de euros para actuar en case 2.300 ha. O resto atinxe a agrupacións -cun total de 8 expedientes, algo máis de 150.000 euros e 85 hectáreas- e particulares de xeito individual -cun total de 10 beneficiarios, uns 85.000 euros e 44 ha-.
A través desta liña de achegas, finánciase a plantación de coníferas e frondosas como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras, entre outras especies. Ademais, cabe sinalar que unha quinta parte dos expedientes aprobados contemplan este tipo de forestación en terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal inferior a 10 cm, e en terreos ocupados por acacia negra, mimosa e/ou falsa acacia. En total, os traballos incluídos nos expedientes suporán empregar máis de 2,5 millóns de unidades de planta, o que se traduce nun importante impacto positivo nos viveiros da comunidade.
Como novidade nesta última convocatoria, son obxecto das axudas os terreos cubertos por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueiras, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, no que a superficie ocupada pola especie dominante non superase o 60% da superficie total.
Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220930/AnuncioG0426-150922-0006_gl.html