12.000 litros de leite solidario dende Rodeiro para familias en dificultades

A asociación Mocidade Kambota fai a primeira entrega de leite a entidades sociais. No acto reivindicaron a contribución do agro e a gandería non só con esta achega altruísta, senón como ferramenta clave para o futuro do país

12.000 litros de leite solidario dende Rodeiro para familias en dificultades

Participantes no acto de entrega do leite esta mañá en Rodeiro (Pontevedra).

A asociación Mocidade Kambota, un colectivo de ámbito cultural e social do concello de Rodeiro (Pontevedra), levou a cabo esta mañá unha entrega solidaria de 12.000 litros de leite a entidades sociais. Trátase da primeira entrega de leite que realiza o colectivo e que foi posible grazas á colaboración dos socios da entidade, en gran medida gandeiros de vacún de leite, así como a distintas empresas locais e á industria láctea Larsa, que se encargou da loxística precisa para materializar a doazón.

Unha pradeira ós pes do monte Faro, a escasos quilómetros da vila de Rodeiro e cun rabaño de vacas leiteiras pacendo ó carón, foi o escenario para facer pública esta primeira entrega. O acto contou con algúns dos colaboradores que fixeron posible a entrega e cos representantes das catro entidades entre as que se repartirá este leite: o propio Concello de Rodeiro, o colectivo benéfico O Mencer, de Lalín; que atende a familias do conxunto da comarca do Deza; o Banco de Alimentos de Pontevedra, e a Cociña Económica de Santiago de Compostela.

Con esta iniciativa, Rodeiro, un concello gandeiro da comarca do Deza, busca contribuír a paliar as dificultades que moitas familias atravesan. “Vimos que Rodeiro, como gran produtor de leite, podía poñer o seu gran de area. Mocidade Kambota só fomos un pequeno intermediario para facelo posible”, explica Alberte Lamazares, gandeiro e presidente da Asociación Mocidade Kambota.

Dende o colectivo propúxoselle ás familias gandeiras que doaran do leite que producen e máis dunha ducia delas participaron nesta primeira entrega. A colaboración da industria Larsa permitiu multiplicar o valor do doado e levar a cabo a doazón. Así, segundo as estimacións do colectivo, a doazón supera os 7.000 euros para o consumidor final.

Ademais dos gandeiros, a esta proposta tamén se sumaron outras empresas locais que contribuíron mercando leite, así como a cooperativa agrogandeira O Rodo, que tamén prestou o seu apoio e colaboración coa iniciativa.
O acto, que rematou cun brinde de leite entre os participantes, tamén serviu para reivindicar a importancia do sector gandeiro como motor de futuro do agro galego, como produtores de alimentos de calidade e proximidade.

Brinde con leite Rodeiro

Brinde de leite dos participantes.

Os destinatarios

Os 12.000 litros de leite serán xestionados e repartidos entre as catro entidades sociais. Os representantes de todas elas quixeron agradecer a importancia deste tipo de doazóns que contribúen a paliar as dificultades polas que atravesan moitas familias. Ademais, destacaron a solidariedade dos gandeiros que impulsaron e contribuíron con esta iniciativa solidaria, ó tempo que louvaron que fora unha proposta iniciada por xente moza. “Esta doazón é un exemplo a seguir e unha mostra de como a sociedade civil pode organizarse e colaborar dende distintos sectores para paliar as necesidades que afrontan moitas familias”, valorou José Luis Factor, membro da directiva de O Mencer, durante a súa intervención.

Na mesma liña se amosou o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, quen agradeceu a boa vontade dos veciños, moitos deles gandeiros, que colaboraron nesta iniciativa solidaria. Pola súa banda, o representante do Banco de Alimentos de Pontevedra, que colabora con 150 entidades proporcionándolle alimentos, recoñeceu a implicación da mocidade coas causas sociais. Do mesmo xeito, dende a Cociña Económica compostelá, sor Alicia agradeceu esta importante achega que lles brinda novas oportunidades de seguir atendendo a demanda que teñen cada día.

Tal e como indicaron dende Mocidade Kambota, esta é a primeira entrega de leite que realizan, pero xa están a traballar para poder levar a cabo outra nos próximos meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información