100 anos da Misión Biolóxica de Galicia

Este xoves 1 de abril a entidade, creada en Santiago en 1921, cumpre o seu primeiro centenario. Hoxe en día, a Misión Biolóxica está Pontevedra e conta con dous departamentos de xenética e mellora vexetal, viticultura e forestal e oito grupos de investigación

100 anos da Misión Biolóxica de Galicia

Sede actual da Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.

Este xoves, 1 de abril, cúmprense 100 anos da fundación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desde 1939. Con motivo deste aniversario, o centro prepara un programa de actividades dirixido ao público xeral para achegar e difundir máis o seu traballo.

A Misión Biolóxica creouse por iniciativa da Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (XAE), institución que tivo un papel relevante no desenvolvemento científico e cultural de España até a súa desaparición en 1936. O obxectivo inicial da Misión Biolóxica era realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandaría de Galicia.

Hoxe en día, a Misión Biolóxica conta con dous departamentos -Xenética e Mellora Vexetal, Viticultura e Forestal- e oito grupos de investigación: Bioloxía de Agrosistemas, Xenética do Desenvolvemento de Plantas, Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas, Xenética e Mellora de Millo, Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro, Xenética e Ecoloxía Forestal, Viticultura, Oliveira e Rosa e Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos.

De Santiago a Pontevedra

As primeiras instalacións estiveron en Santiago de Compostela, na Escola de Veterinaria. O seu primeiro director foi Cruz Gallástegui e neses anos centráronse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, e en transmitir estes coñecementos ao sector agrario.

En 1927 Daniel de la Sota, presidente da Deputación de Pontevedra, xunto con outras personalidades da época, facilitou o traslado da MBG a Pontevedra: nun primeiro momento, á leira A Tablada e, posteriormente, á leira e Palacio de Salcedo, coñecido como ‘Pazo de Gandarón’, propiedade da Deputación e a súa sede actual. 

A finais de 1920 a Misión Biolóxica trasládase a Santiago e comeza a traballarse na mellora xenética do millo e en variedades de castiñeiro resistente á tinta

A partir de 1930 os traballos da MBG centráronse na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castiñeiro resistentes á tinta, unha liña consolidada por Ernesto Vieitez. A difusión en toda España da raza porcina inglesa Large White foi outro dos obxectivos da MBG e fundouse, por iniciativa de Miguel Odriozola, a piara, que axiña adquiriu gran desenvolvemento e difundiuse por todo o país para a mellora xenética do gando porcino. No período 1940-1950 a MBG consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre mellora xenética vexetal e animal e fisioloxía.

Entre 1960-1973 pecháronse algunhas das liñas de investigación por xubilación ou traslado dos investigadores. Mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos solos agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra. As investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña de investigación de mellora xenética de millo, comezando a recolección de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

Recuperar programas claves para Galicia

A partir de 1980, ábrense novas liñas de investigación na Misión Biolóxica e incorpórase máis persoal, o que permite desenvolver novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: os legumes, as brásicas e a vide.

Comezan a colleitar e caracterizar recursos xenéticos destas especies, conservadas no banco de xermoplasma da MBG. Estes materiais son a base das investigacións que, a día de hoxe, se realizan no centro e que permiten ampliar coñecementos teóricos sobre a xenética e mellora dos cultivos e desenvolver novas variedades resistentes a pragas ou enfermidades, mellor adaptadas, tolerantes a diferentes estreses como frío, seca, baixa fertilidade do solo…

Centrado nas investigacións agrarias e forestais

Na actualidade, a MBG dedícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos, e especies leñosas e ornamentais de Galicia.

A súa liña de investigación global versa sobre os procesos xenéticos, bioquímicos, metabólicos, moleculares, ecolóxicos e evolutivos que son relevantes para facer máis sustentable a agricultura e silvicultura, centrándose en diversas especies hortícolas, cereais e leñosas amplamente cultivadas. Traballan baixo un enfoque integrador, tentando abordar simultaneamente tres aspectos: resiliencia-produtividade-calidade.

8 Grupos de traballo especializados

Coñecemos máis detalles sobre os 8 grupos de traballo operativos na Misión Biolóxica de Galicia:

1) Bioloxía de Agrosistemas. Expón obxectivos e estratexias transdisciplinares para afrontar problemas globais das especies cultivadas e que poidan ser obxecto de transferencia horizontal de coñecemento e tecnoloxía, incorporando os recursos fitoxenéticos como fonte de estudos de diversidade e xenética , e realizando programas de mellora para o desenvolvemento de novas variedades xeneticamente melloradas. Estuda as interaccións das plantas e o seu agrosistema en leguminosas, hortícolas e ornamentais, incluíndo a microbiota do solo.

2) Xenética do Desenvolvemento de Plantas. Os obxectivos da súa liña de investigación son a arquitectura da planta, a floración, o desenvolvemento e maduración do froito e a dehiscencia da semente. Constitúen, á súa vez, fitos relevantes no actual marco conceptual da xenética e a xenómica vexetal.

3) Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas. Estuda a calidade nutricional e resistencia a estreses e a súa aplicación na mellora dos cultivos de brásicas hortícolas, con especial énfase nos metabolitos secundarios e o seu papel na alimentación, saúde e resistencia a estreses bióticos e abióticos.

4) Xenética e Mellora de Millo. Estuda os mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a estreses, a calidade e a produción do cultivo de millo para a aplicación á mellora do millo para a alimentación (animal e humana) e usos industriais e a conservación da súa biodiversidade.

5) Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro. Dedícase ao estudo dos procesos eco-evolutivos que afectan as interaccións planta-herbívoro, a predicir como o cambio climático influirá nas interaccións planta-herbívoro e ás estratexias de manexo en sistemas agroforestais.

6) Xenética e Ecoloxía Forestal. Estuda a xenética e ecoloxía da resistencia a insectos e patóxenos en especies forestais como determinantes da variación fenotípica en caracteres de resistencia e tolerancia a enfermidades e pragas. A liña de investigación busca coñecer as repercusións e determinar posibles aplicacións á sanidade e xestión forestal sustentable.

7) Viticultura, Oliveira e Rosa. Dedícase á descrición botánica, histolóxica, agronómica e molecular de variedades autóctonas de vide e oliveira; á cuantificación da resistencia a enfermidades fúnxicas e mecanismos bioquímicos/fisiolóxicos de defensa da planta fronte a fungos; variabilidade intra/intervarietal-terroir-novos manexos de cultivo e o aproveitamento de residuos vitivinícolas/oleícolas para obter novos produtos.

8) Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos. Estuda a variación xenética e a resposta á selección en caracteres importantes para a adaptación dos cultivos ao ambiente (como son o vigor temperán, a floración e a senescencia) e en caracteres de relevancia no cultivo sustentable (como son o uso eficiente do nitróxeno, o rendemento, a humidade e a calidade da biomasa residual).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información