10 claves para traballar con camas de compost en granxas de vacún de leite

O sistema de camas de compost para vacas presenta importantes vantaxes desde o punto de vista de benestar animal ou de xestión dos xurros. Jeffrey Bewley, especialista estadounidense en vacún de leite, explicou como traballar con este sistema no último congreso ANEMBE de Medicina Bovina

10 claves para traballar con camas de compost en granxas de vacún de leite

Cama de Compost en Gandería Vilasilvestre SC (Vilalba)

O “Compost Bedded Pack Barns for Dairy Cows” ou sistema de camas de compost para vacas, é un método de aloxamento para vacas leiteiras que presenta importantes vantaxes desde o punto de vista do benestar animal ou de mellora da xestión dos xurros e de fertilidade dos terreos agrícolas.

Aínda que minoritario en Galicia, en Cataluña xa levan anos traballando con este sistema en gandarías de vacún de leite, do mesmo xeito que en países como Estados Unidos ou Holanda.

Neste sentido, Jeffrey Bewley, especialista estadounidense en vacún de leite, explicou no último congreso internacional ANEMBE de medicina bovina, cales como se deben xestionar as camas de compost. Velaquí un resumo:

O concepto xeral na formación de compost é a mestura dunha fonte de carbono (cama) cun material orgánico con alto contido en nitróxeno (esterco e ouriños) , á vez que se crean as condicións (porosidade) que aseguran a entrada de aire e mantense o nivel de humidade para conseguir unha descomposición microbiana rápida da materia orgánica. Cando se retira do establo esta mestura dá lugar a un compost que precisa madurar para o seu óptimo aproveitamento como abono.

A parte máis importante da xestión dun establo con cama de compost é manter seca a capa superficial da cama, que se debe remover polo menos dúas veces ao día. Normalmente, remóvese para airealo cando as vacas están a ser muxidas.

O deseño da instalación, a ventilación, o oportuno engadido de encamado fresco e seco, o removido frecuente e a conciencia e evitar a sobrepoboación son as claves dun establo con cama de compost que funciona ben.

Segundo os gandeiros que o empregan, as vantaxes do sistema de cama de compost son unha maior comodidade e limpeza das vacas, un menor reconte de células somáticas, mellor detección de celo, facilidade de manexo do esterco, maior produción, aumento da lonxevidade das vacas, menores custos de investimento en instalacións, menos cheiros e menos moscas, menor preocupación polo tamaño das vacas e mellor valor agronómico e fertilizante do abono.

1) Selección e preparación do lugar adecuado

Ventilación:

Para aproveitar ao máximo a ventilación natural e así secar mellor o compost, o establo debería estar situado de tal maneira que poida sacar proveito dos ventos predominantes no verán e da orientación con respecto ao sol. O emprazamento debería estar nun lugar lixeiramente elevado, de modo que a drenaxe de superficie desvíase ao redor e lonxe do edificio para reducir a cantidade da escorrentía da choiva ou neve que poida afectar ao encamado.

Os ventiladores son recomendables para axudar a manter a cama seca e asegurar unha adecuada velocidade do fluxo do aire en toda a corte.

A base da cama:

A base do encamado debe ser grava, arxila ou cemento, sendo estes dous últimos os que permiten reducir as filtracións do encamado ao chan. Agora ben, unha cama de compost ben feita e ben xestionada non producirá filtracións, xa que o contido húmido óptimo para un encamado de compost está moi por baixo da capacidade de retención de auga do material de encamado (serrín).

Distribución da cama e dos comedeiros:

A maioría dos novos establos con encamado de compost construídos o son modificando deseños preexistentes de cortes de dúas, tres ou catro filas con cubículos de metal ou aros.

O deseño do establo consiste nunha zona independente de descanso coa cama de compost e un camiño de cemento para acceder á zona de alimentación e aos bebedoiros.

A zona de encamado está rodeada por paredes cunha altura de 0,6 a 1,2 metros, incluíndo unha parede que separa a zona de encamado da zona de comedeiros, o que axuda a xestionar a humidade do compost. Ademais, no exterior, o muro de contención retén o encamado dentro do establo. Segundo aumenta o grosor do encamado, as paredes xa non son unha barreira polo que para garantir a seguridade das vacas pódese colocar sobre o muro unha alambrada, varras ou ferros de madeira, sempre permitindo que o aire circule.

As feces e os ouriños no corredor dos comedeiros, debe eliminarse a diario mediante a arrobadeira ou outro sistema, podendo requirir que sexa tratado a parte, enviándoo a unha fosa de xurro.

Tamaño da zona de encamado do compost:

En primeiro lugar, debemos decidir canto espazo necesita cada animal. En xeral, nunha vaca frisoa necesítanse 30 metros cadrados por vaca na zona de cama de compost. Porén, este espazo deberá incrementarse a medida que a vaca produce máis leite, dado que tamén producen máis bosta e ouriños.

No caso de vacas especiais (próximas ao parto, con coxeiras…etc) o espazo por vaca debe ser maior, duns 38 metros cadrados por vaca.

Se non cumprimos con este espazo mínimo e a corte está ateigada o encamado estará demasiado húmido, redúcese o proceso de compostaxe, provocando problemas de limpeza nas vacas e de aumento do reconto de células somáticas.

2) Temperatura e humidade adecuada para unha cama de compost

A compostaxe require de microorganismos aerobios que descompoñen a materia orgánica e producen dióxido de carbono, auga e calor. Cando a proporción do encamado, a densidade de vacas, o osíxeno e a humidade están equilibrados, a poboación de microorganismos poden prosperar e producir a calor suficiente para secar o encamado e manter as bacterias aerobias activas para realizar o seu traballo. Isto pode resultar na redución de patóxenos, de larvas de moscas e de sementes de malas herbas.

Así, unha superficie da cama enxoita e esponxosa infórmanos de que o compost está a funcionar ben.

A temperatura do encamado proporciona unha boa indicación do nivel de actividade microbiana: a temperatura ideal medida a unha profundidade de entre 15 e 30 centímetros debe ser de entre 43 e 60 graos centígrados. Cando supera os 65 graos a temperatura na superficie da cama pode aumentar até o punto de que as vacas non queiran deitarse, e revela que os materiais orgánicos están a descomporse demasiado rápido (exceso de osíxeno, humidade baixa ou aumento da calor durante o verán).

En canto á porcentaxe de humidade do compost, debe estar entre o 40 e o 60%. Se a porcentaxe de humidade baixa do mínimo os microbios non disporán de auga suficiente para a súa actividade, e se excede o máximo, falta osíxeno e a compostaxe e a xeración de calor tamén será demasiado baixa.

Unha simple proba de humidade pode ser coller unha presa do encamado e espremelo. Se sae auga ou caen pingas de auga, ou se se forman pingas de auga na superficie ao espremer o encamado, é que está demasiado húmida. Este é un síntoma de que se debe engadir máis serrín. Pola contra, se non se pode formar unha bóla é que o compost está demasiado seco. Isto adoita ocorrer cando se engade serraduras en exceso. Cando a cama de compost está a funcionar ben o material aparecerá solto e esponxoso.

Polo que respecta o cociente de Carbono e Nitróxeno para a máxima velocidade da compostaxe, debe estar entre 25:1 e 30:1, unha relación que se corrixe mediante o engadido de serrín.

Se cheira a amoníaco na corte, é que o cociente C:N está probablemente por baixo de 25:1.

3) O compost do principio

Para o éxito da cama de compost é clave manter a aireación e a densidade do número de vacas. Cando se remove a cama con frecuencia e de maneira uniforme, as bostas e os mexos que hai na superficie mestúranse co encamado á vez que se incorporan osíxeno e humidade.

Cando se comeza cunha cama de compost ou se retira a existente débese comezar cun grosor de 30 centímetros de serrín. É necesario engadir suficiente material para que os equipos de mestura (ganchos..etc) non cheguen á base do piso. Recoméndase que o comezo de formación dunha nova cama de compost debe realizarse cando se prevén entre 4 e 6 semanas de bo tempo, con temperaturas xeralmente por riba dos 10 graos, de forma que a taxa de xeración de calor acadee o seu pico antes do a chegada do frío, o que podería levar a un rendemento inadecuado da compostaxe.

4) Retirada do compost

Compost apilado

Compost apilado

A cama retírase xeralmente no outono ou, sobre todo, na primavera, de forma que se logra a máxima retención de nitróxeno no compost para pólo a disposición dos cultivos.

A profundidade da cama pode alcanzar os 1,2 metros antes da retirada, en función da cantidade de serrín usado e da intensidade do proceso de compostaxe.

A maioría dos gandeiros adoitan utilizar de 30 a 60 centímetros de material vello para axudar a iniciar a actividade microbiana no novo encamado. Se é posible conservar a capa superficial da cama vella, esta é a máis activa con microorganismos aclimatados para continuar ca compostaxe na nova cama.

5) Remover e airear a cama de compost

Ao remover e mesturar uniformemente a cama créase unha superficie limpa, suave e seca sobre a cal as vacas se poden deitar. O encamado débese airear 2 veces ao día até unha profundidade de, polo menos, 60 centímetros. O removido profundo, até os 90 centímetros, pódese realizar de forma periódica cunha arado de cinceis e desta forma redúcese notablemente a necesidade de serrín e elévase a temperatura do compost. Algúns gandeiros removen o encamado dúas veces: en sentido lonxitudinal e transversal, para aumentar aínda máis a aireación.

Este labor de removido débese realizar cando as vacas están no muxido, xa que con isto tamén se evita que o po que se levante lles cause problemas respiratorios. A persoa que realiza o labor de removido tamén debe considerar a utilización dunha máscara.

Se é posible, as vacas deben manterse fóra da cama durante polo menos unha hora despois de removerse, para que a capa superior seque, especialmente no inverno. O uso de ventiladores axuda a secar a capa superficial durante todo o ano.

A maioría dos gandeiros empezan a remover a cama desde o día seguinte no que botaron serrín.

6) Equipo para remover o compost

A maioría dos gandeiros utilizan un cultivador, pas de dentes, ou un rotoarado axustado a un tractor pequeno ou a unha minicargadora.

É importante desfacer as pegadas do tractor colocando unhas ferramentas para remover a terra detrás das rodas.

Se se utiliza equipo pesado, non será posible desfacer as pegadas das rodas e aumentará a compactación, o que empeorará a actividade da compostaxe ao aumentar a porcentaxe de humidade e reducir a aireación.

7) ¿Cando engadir serrín?

Facendo a proba da humidade: Cóllese unha presa de compost e esprémese na man. Se se pode formar unha pelota compacta, ou se sae auga, ou se caen pingas de auga, ou se se forman pingas na superficie da pelota, é que está demasiado húmido.

Neste caso, débese engadir unha capa de serrín de entre 10 e 20 centímetros e cada unha ou 6 semanas, dependendo da estación do ano, da porcentaxe de humidade, carga gandeira..etc. Tamén se poden engadir pequenas cantidades pero con máis frecuencia. Ao que nunca se debe esperar é a que o material se empezo a pegar.

Pódese engadir máis serrín cando o tempo está máis húmido e/ou cando hai máis vacas no espazo de encamado. Se se utiliza serrín verde necesitarase máis cantidade para a cama xa que non absorbe tanta humidade como o seco.

Controlar a humidade da cama para que estea entre o 40 e o 60% e removelo 2 veces ao día son dous aspectos chave para unha boa compostaxe.

8) Calidade do serrín

VILASILVESTRE_CAMA_QUENTE_SECAS_1O serrín secado é o produto preferido para camas de compost e o seu nivel de humidade recomendado debería estar por baixo do 18%. O serrín verde ten maior humidade, polo que se requirirá maior cantidade, e pode albergar bacterias Klebsiella.

O consumo de serrín no inverno adoita ser entre 2 e 3 veces maior que no verán pola maior humidade.

Unha instalación para o almacenamento de serrín seco pode ser unha boa alternativa para compralo nos meses en que o seu prezo é menor.

9) Niveis de patóxenos

Se non se xestiona ben a cama de compost pode aumentar o risco de exposición das vacas a axentes patóxenos da mastite ambiental. Unha boa alternativa pode ser a vacinación das vacas contra a mastitis.

En canto ao po, as vacas non deben estar preto cando se remove a cama. Tamén se deben limpar periodicamente as cortinas de sombra e as entradas dos sistemas de ventilación.

10) Consideracións económicas

Os custos de construción dun establo con cama de compost son xeralmente máis baixos que os dunha corte con cubículos, a pesar do maior espazo que se necesita por vaca. Utilízase menos cemento e non hai investimento en divisións de cubículos.

Porén, o custo do serrín é superior ao das camas de area. Pola contra, o compost é máis fácil de manexar e require ser aplicado con menos frecuencia que o xurro. Ademais, o compost estabiliza as concentracións de N, P e K do esterco.

Como conclusión, a principal limitación a día de hoxe para as camas de compost é a dispoñibilidade de serrín. É preciso asegurarse unha subministración fiable, rendible e dispoñible deste material.

Unha granxa holandesa que traballa con cama de compost:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información