As enerxías renovables están cada día máis presentes nas explotacións gandeiras españolas, de momento para abaratar notablemente a factura eléctrica -ata nun 40%-, pero nun futuro próximo, cando poidan vender á rede os excedentes da electricidade que producen, como unha importante fonte de ingresos, algo do que xa se aproveitan desde hai anos miles de gandeiros en Alemaña, Francia ou Dinamarca.
Neste sentido, e tras un incomprensible “imposto ao sol” que penalizaba o autoconsumo destas enerxías, o Goberno central corrixiu o pasado 6 de outubro esta situación ao retirar as trabas ás pequenas instalacións de enerxías renovables para autoconsumo.
O seguinte paso, polo que espera con ansia o sector, é regular tanto o balance neto -a diferenza entre a electricidade que unha gandaría verte á rede e a que consome- como a venda directa á rede, o que incrementará notablemente os ingresos e reducirá os prazos de amortización das instalacións de enerxías renovables.
Para analizar o novo escenario de oportunidades que se abre para as explotacións gandeiras, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e a empresa VOLTFER organizaron o pasado xoves en Santiago de Compostela unha xornada baixo o título “Xera a túa propia enerxía: Enerxías renovables no sector agroalimentario”, no que expertos de diferentes empresas do sector (fotovoltaica, biomasa ou biogás) expuxeron as tendencias de futuro en enerxías renovables.
Participaron como relatores nesta xornada Mario Fernández, técnico de AGACA; José María Fariña, director de VOLTFER; Mónica Figueroa, responsable do centro tecnolóxico EnergyLab; José Otero, xerente de ISEMPA, e Joaquín Pampillón, do departamento de prescrición de ECOFOREST.
10 claves para a instalación de enerxías renovables no sector agrogandeiro:
Resumimos a continuación 10 das principais conclusións ás que se chegou nesta xornada:
-1) As enerxías renovables chegan para quedar. A Comisión Europea estableceu que o 32% da enerxía producida na Unión Europea en 2030 proceda de fontes renovables, como a fotovoltaica, a eólica, a xeotermia ou a biomasa. En caso de incumprimento destes obxectivos os estados membros poderíanse ver sometidos a sancións.
-2) Antes de realizar a instalación é necesario estudar cada granxa: O punto de partida debe ser unha análise detallada de cada explotación agrogandeira ou agroalimentaria -do mesmo xeito que calquera outro tipo de instalación- para determinar en que franxas horarias se producen os picos de demanda de enerxía, sexa de electricidade, calor ou frío ou de ambas. Cos resultados decidirase que sistemas de enerxías renovables instalar.
Neste sentido, a tendencia é ir cara a un mix de fontes de enerxías renovables. Por exemplo solar fotovoltaica e biomasa, solar fotovoltaica e eólica e mesmo solar fotovoltaica, biomasa e eólica. Desta forma, a fotovoltaica produce durante o día e durante os meses de máis luz solar; a biomasa para os meses de inverno, mentres que a a eólica garante un subministro practicamente continuo.
-3) A solar fotovoltaica é hoxe en día a fonte de enerxía máis barata no mercado. Isto foi posible grazas a unha notable mellora na eficiencia e á importante baixada dos prezos dos paneis solares: Se hai 3 anos estaban a entre 3 e 4 euros o watt hoxe cómpranse a 40 céntimos.
Segundo destacaron desde VOLTFER, unha instalación fotovoltaica de entre 30 e 40 kw custa ao redor de 50.000 euros, que quedaría na metade se recibe axudas da Xunta de Galicia. Desta forma, cubriría o 40% da demanda eléctrica dunha explotación gandeira, cun prazo de amortización de 5 anos, e unha vida útil de ao redor de 30 anos. A clave é un deseño profesional da instalación e adaptado a cada caso para que o período de retorno sexa máis curto.
-4) En 2019 haberá axudas específicas do INEGA para a instalación de enerxías fotovoltaica no sector primario. Estas axudas, do mesmo xeito que xa sucede actualmente, cubrirán de media o 50% do custo da instalación. Este ano o INEGA destinou 4,38 millóns de euros a empresas do sector da industria, servizos e agrícola primario para a instalación de enerxías renovables, unha cantidade que se espera se manteña en 2019 e que se melloren os prazos administrativos para a solicitude e xustificación das axudas.
-5) Compensa instalar baterías? A instalación de sistemas de baterías que almacenen o excedente de electricidade producido e gardalo para os momentos de máis demanda encarece sensiblemente a instalación e sobe o prazo medio de amortización. Por exemplo, se falamos de combinalas con paneis fotovoltaicos para dos 5 aos 10 anos.
Como norma xeral, aconséllase instalar baterías cando a explotación está nun lugar illado que encareza levar até alí a electricidade, cando a factura eléctrica sexa moi elevada ou cando o consumo principal se produza fóra das horas solares.
As baterías de chumbo e ácido adoitan ter unha vida útil garantida de 8 anos e as de litio de até 15 anos, podendo en ambos os casos almacenar electricidade por un tempo limitado. A previsión é que o seu prezo baixe no futuro.
Outro aspecto a ter en conta é que cando o Goberno regule a venda de electricidade á rede así como o balance neto as baterías deixarán en boa medida de ter sentido, xa que a electricidade se “almacenará” na rede eléctrica, equilibrándose oferta e demanda coas distintas fontes de enerxía.
-6) Biogás: unha alternativa de interese para as explotacións gandeiras pero que non é rendible de momento. O biogás -a produción de gas metano a partir os xurros gandeiros- é unha alternativa interesante para as explotacións gandeiras e está xa amplamente implantada en Alemaña, con máis de 10.000 plantas de biogás.
O principal freo á súa expansión en España -existen 300 plantas, das que a metade están en plantas de tratamento de residuos urbanos- é o elevado custo das instalacións e o reducido tamaño das explotacións gandeiras, sobre todo en Galicia. Así, para vacún necesítase un mínimo de 250 vacas adultas e 5.000 porcos no caso do porcino.
Por outra banda, a produción de biogás será máis eficiente canto menos auga conteña o xurro e cando maior porcentaxe de metano teña o gas que se extrae do purín, sendo o óptimo chegar a un 65%.
O residuo orgánico resultante, chamado dixestato, pódese separar en fracción líquida e sólida, e mantén todo o nitróxeno do xurro e mesmo mellora as súas propiedades fertilizantes.
-7) Biomasa: A estela é máis competitiva que o pellet. O combustible ideal en biomasa é a estela, posto que xera menos deterioración nas caldeiras que os pellet e é máis barata. Iso si, o inconveniente é o seu maior volume, polo que precisa de silos de maior tamaño. Na maior parte de Europa a estela é a biomasa máis consumida, especialmente en instalacións comunitarias ou industriais.
Para medir o potencial enerxético tanto do pellet como da estela a clave é o grao de humidade que presenta. O nivel recomendado é dun 10% para o pellet e do 18% para a estela. Outra gran vantaxe da biomasa é que o seu prezo permanece estable desde hai 10 anos e sen perspectivas de que cambie. O prazo de amortización dunha instalación deste tipo sitúase de media entre os 5 e os 6 anos.
-8) Máis eficiente se a enerxía renovable abastece á granxa e á vivenda e máis aínda se é para varias explotacións ou vivendas. Unha instalación de enerxía renovable é moito máis eficiente se traballa moitas horas e se abastece a varias vivendas e/ou instalacións gandeiras. Desta forma, creando unha rede de calor ou de consumo de enerxía eléctrica, existen distintos puntos de consumo e a diferentes horas co que se perde moita menos enerxía sobrante.
-9) A bomba de calor ou depósitos de inercia: a opción máis barata de almacenar enerxía. A bomba de calor modulante e os depósitos de inercia están a se implantar cada vez máis. Estes depósitos conteñen auga que é quentada pola enerxía renovable (fotovoltaica, biomasa, eólica…etc) e liberan esta enerxía cando se demanda en forma de calor ou frío, algo especialmente útil para granxas avícolas, de porcino, pero tamén para vivendas…etc.
Os expertos calculan que esta tecnoloxía consegue aforros do 70% fronte aos tradicionais sistemas de combustión ou campás eléctricas.
–10) Instalación de sistemas xestores enerxéticos. Cada vez máis se implantarán sistemas informáticos intelixentes que xestionarán a enerxía que produzamos coas enerxías renovables para optimizar o seu uso. Por exemplo, se a temperatura da granxa avícola alcanza os 23 graos, considerada a óptima para os animais nese momento, automaticamente o xestor enviará a enerxía que producen os paneis fotovoltaicos ou a biomasa á bomba de calor para o seu almacenamento.